Sobre Nós

A ASOCIACIÓN CULTURAL PATIO DE BUTACAS


Patio de Butacas é unha Asociación Cultural sen ánimo de lucro constituída oficialmente en marzo de 2016.

Os seus fins principais son:

  • Promover o desenvolvemento das actividades artísticas na nosa comunidade.
  • Fomentar o interese pola arte, así como a produción artística na nosa contorna.
  • Dar cabida e apoio a todos/as aqueles/as que queiran explorar a súa expresión artística por medio do achegamento de medios, espazos e formación aos asociados/as.

Para levar a cabo os seus fins, a asociación poderá organizar as seguintes actividades:

  • Cursos de técnicas artísticas.
  • Eventos para desenvolver actividades relacionadas coa Cultura que viren ao redor dun tema concreto.
  • Exposicións dos artistas da asociación ou doutros artistas que colaboren con ela.
  • Venda de obra artística dos membros da Asociación.
  • Calquera outra actividade que sexa proposta por algún membro e que teña como fin o fomento e o goce da Cultura.

En primeiro lugar, a Asociación centrouse na recuperación do Cinema Adriano de Barallobre como espazo para o desenvolvemento de actividades relacionadas coa arte e a Cultura.

A Asociación está intimamente ligada ao Adriano, e inevitablemente á Comarca de Ferrolterra, onde este sitúase. É, ademais, a sede da Asociación. Por este motivo, Patio de Butacas ten na actualidade un ámbito de actuación eminentemente local, sen que iso implique renunciar a unha visión da cultura como fenómeno capaz de traspasar fronteiras, como demostra a organización do evento que aquí se presenta.

 

 

AS ACTIVIDADES DE PATIO DE BUTACAS


As actividades de Patio de Butacas poden englobarse en tres bloques segundo os distintos obxectivos buscados:

  • Eventos culturais. Por unha banda os eventos que dan oferta cultural e demostran a viabilidade do proxecto global de recuperación do Cinema Adriano. A súa natureza é moi diversa, desde exposicións a poxas, sesións de teatro, cinema, etc. Son igualmente o sistema de financiamento do segundo tipo de actividades, as actuacións de recuperación do cinema, mediante un sistema de donativo dunha cantidade fixada para cada evento.
  • Actividades de rehabilitación. Este segundo tipo de actividades son consecuencia das primeiras. Cada evento leva implícito un proceso posterior de recuperación do inmoble. Así, vanse acometendo melloras para poder ir sacando o edificio do abandono ao que estivo sometido e procuran evitar a deterioración. Cada actuación é concreta e decidida en base a poder proseguir coas actividades e conseguir habilitar máis partes do cinema. Partimos da nosa zona 0: o patio de butacas.
  • Actividades promocionais. O terceiro tipo de actividades son as que serven para procurar a visibilidade do proxecto global de recuperación. Son a súa publicidade. Implican na súa maioría á participación cidadá polo que son importantes para procurar facer visible o obxectivo de recuperación. A comunidade sente parte activa do proxecto. Outra parte destas actividades son colaborativas con outras entidades.